Thursday 09 de May de 2024

O Concello de Padrón apela á responsabilidade individual para mellorar a situación epidemiolóxica do municipio


O comité clínico da Consellería de Sanidade incluíu a Padrón no listado de concellos con vixilancia especial polo incremento de casos na semana do Nadal
O Concello de Padrón apela á responsabilidade individual de cada persoa do municipio para mellorar a situación epidemiolóxica no termo municipal. O alcalde de Padrón, Antonio Fernández, explica que “a día de hoxe contamos con 26 casos activos no municipio, o que fixo que o comité clínico da Consellería de Sanidade incluíra a Padrón no listado de concellos con vixilancia especial. Isto demostra que non podemos relaxarnos e temos que seguir cumprindo todas as medidas recomendadas polas autoridades sanitarias co ánimo de mellorar a situación epidemiolóxica en Padrón e evitar tamén o incremento das restricións”.
Na actualidade, Padrón está no nivel básico de restricións: permitidas agrupacións dun máximo de 6 persoas, restrinxida a mobilidade nocturna de 23:00 a 6:00 horas e hostalería  aberta ata as 23:00 horas, co 50% do aforo no interior e o 75% no exterior. Fernández Angueira sinala que “non podemos baixar a garda neste fin de ano, polo que dende o Concello de Padrón facemos un chamamento á responsabilidade individual de cada persoa á hora de usar a máscara en todo momento, desinfectar as mans periodicamente e, sobre todo e por moito que nos custe nestas datas, manter a distancia de seguridade. Do noso comportamento hoxe depende que poidamos seguir celebrando moitas máis cousas todos e todas xuntos”.